7 Novembro 2019. Desta volta entrevistamos aos dous candidatos que presenta o BNG na emigración para as próximas eleccións xerais de Novembro que reflexan tanto a diversidade da nosa diáspora, como a ilusión e o anhelo por voltar a unha Galiza mellor algún día.
Sara Fernández Murados (1983) é Licenciada en Administración e Dirección de Empresas. Nada en Viveiro, está emigrada en Madrid dende o ano 2013, traballando no sector enerxético.
É Militante do BNG dende os 18 anos, fundadora e activista en Fenda- Embaixada Popular Galega, amais de Responsable de organización do BNG en Madrid e na Emigración, e integra a candidatura por Lugo.
Nado en Ourense, o candidato da emigración pola provincia é Pablo Dapena Zapico (1974); tomou contacto por vez primeira co entorno socio político mais comprometido en Ourense dende asociacións coma Meendinho, Associaçom Socio-Pedagógica Galaico Portuguesa ou a actividade nacionalista na casa da xuventude.
Aos dezanove anos comezou a súa longa travesía na diáspora, atendendo primeiro a unha etapa formativa e no sucesivo un desenrolo profesional e familiar en Asturies . Na actualidade reside en Xixón e coma meta futura encóntrase a volta o país e a consecución dun proxecto familiar e laboral ligado o rural.
Por qué vos presentades a estas eleccións?
S. Hai moitas razóns, pero todas nacen da forte convicción no potencial de Galiza e na necesidade de facernos respectar. Ao ser emigrante o feito de apoiar esta candidatura formando parte dela, é unha forma de visibilizar a sangria demográfica que está a sufrir o noso pais. Pero non so dándolle luz a este gran problema, senón como forma de rebeldía. Hai que frenar esta situación propondo solucións enriba da mesa e traballando para conseguir frear o abandono forzado e masivo de Galiza.
P. Penso que as motivacións son comúns a todas aquelas persoas que conformamos este proxecto, e estas, non son outras que o compromiso e o amor. E decir, a razón e o sentir. A teoría política e a memoria sensitiva dunha maneira de vivir. Cando ésto corre o serio risco de esmorecer, estamos na obriga de dar un paso máis.
Por outra banda, nunca esquezo que o feito de conformares parte dunha lista electoral non te convirte nun suxeito individualizado, autónomo, senon nunha peza mais dunha cadea de transmisión colectiva. Non ten nengunha importancia o feito de estar nunha lista. A candidatura somos todas nós.
Que aporta o BNG no Congreso?
S. Os escanos do BNG estarán no Congreso para defender os dereitos e liberdades das galegas e galegos, freando todas as reformar inxustas que se teñen levado a cabo nos últimos anos como as contrarreformas laborais, a LOMCE ou a Lei Mordaza. E para impulsar ao mesmo tempo os intereses de Galiza, demandas sociais coma rematar co espolio enerxético e pular polos nossos sectores productivos.
P. O BNG é a figura apropiada que desfai esa dialéctica hegeliana do amo e o esclavo, onde Galiza compromete o seu futuro cun rol de “dominado” dentro do actual proxecto de España. Só poderá ser resolta no noso ben – e por extensión a de todos os pobos e territorios de Reino- cunha clara aposta soberana, autónoma, que destrua esa forma de conciencia .
Esta é a posición irreductivel e firme que o BNG levará o Parlamento español.
Notáchedes dende o estado a falta do BNG estes catro anos?
S. Claramente, houbo moitas evidencias de que somos a única opción a favor de Galiza. Os problemas reais da cidadania galega non estiveron presentes nos Congreso, xa que ninguén lles deu voz.
P. Dende logo. Galiza non existe fora dela. Parafraseando o poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro convertíronse este derradeiros anos nunha longa noite de pedra .
Por que pedides o voto ao BNG na emigración?
S. Porque confiando no BNG sabemos que se van defender fortemente os dereitos sociais, os investimentos, os postos de traballo, salarios e pensións dignas así como unha industria sólida. En definitiva que se vai traballar por um futuro mellor que non siga obligando a ter que emigrar.
P. Por que queremos un futuro ótimo para o país. Desexamos voltar . E só dende a atalaia do BNG conseguimos olhar a Galiza dende mais perto.